mércores, 9 de abril de 2025

AS CANTAREIRAS E AS RECOLLEITAS

No ano 2025 a Real Academia Galega dedícalle este Día das Letras ás pandeireteiras e a tradición oral popular, un conxunto de centos e miles de mulleres que habitualmente foron e son aínda anónimas, pero que a Academia decide singularizar en 6 cantadeiras xa falecidas como son Rosa e Adolfina Casás, Eva Castiñeira e as pandeireteiras de Mens (Prudencia e Asunción Garrido, Teresa García e Manuela Lema). Dalgún xeito se homenaxea ás que lograron manter viva a tradición oral de séculos ata os nosos días, que estando a piques de botarse a perder, como consecuencia de que se foi esmorecendo o mundo rural e labrego en gran medida.  Mais nos anos setenta e oitenta do século pasado o traballo de recolleitas e cancioneiros (especialmente o Dorothé Schubarth)  e a actividade recuperadora de grupos musicais e asociacións folclóricas fixo que cun carácter máis urbano a tradición oral siga viva na boca da mocidade e con novas fórmulas de dinamización, concertos e festivais, escolas de música ademais dunha recuperación das foliadas e seráns semellantes ás de outrora. 









Que lle debemos ás nosas cantareiras?

Hai que agradecer, en primeiro lugar, a súa constancia para poder legar e transmitir un rico e enorme patrimonio oral, de mantelo vivo  ata os nosos días e permitir que da súa boca xenerosa se recollese. O Cancioneiro Popular Galego de Dorothé Schubarth e Antón Santamarina (un traballo dunha musicóloga suíza  co apoio dun filólogo e folclorista galego) é un dos máis destacados de toda Europa. Debemos agradecer este legado porque é unha  marca de identidade que une lingua e canto (música) e que comporta unha forma de coñecemento das nosas raíces culturais como pobo. Debemos agradecer por último a oportunidade de manter viva esa tradición oral e poder ser as novas xeracións transmisoras para as xeracións futuras deste patrimonio impresionantemente rico e vigoroso de noso.

Por que ás mulleres?  

Xa o deixou dito Sarmiento (o primeiro en interesarse e recoller cantos populares galegos):

En Galicia as mulleres non son soamente poetas senón músicas naturais. En Castela e Portugal e outras provincias os homes son os que compoñen as coplas e inventan os tons e aires e así se ve que neste xénero das coplas populares falan os homes coas mulleres. No meu país é ao contrario, na maior parte falan as mulleres cos homes e é por que elas son as que compoñen as coplas e elas mesmas inventan os tons  e os aires que han de cantar.

 

                        Martín Sarmiento en Memorias para la historia de la poesía y poetas españoles

 

As foliadas ou seráns, mesmo moitas outras actividades de traballo nas aldeas, como as fiadas, nas que tras o duro traballo de fiar se remataban con diversión e baile  e que eran organizadas tradicionalmente e desde antigo polas mulleres. Logo os mozos asistían invitados a ese espazo liderado claramente polas mozas no que cantaban e bailaban, como fenómeno de socialización.

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Proba: En galego, por que non?

 En galego por que non? de Manuel  Núñez Singala Capítulo 0 Capiítulo 1 Capítulo  2 Capítulo 3 Capítulo 4 Capítulo 5 Capítulo 6 Capítulo 7, ...