martes, 1 de outubro de 2024

REPASO PANORÁMICA DA HISTORIA A LINGUA

 


AS RAÍCES DA NOSA LINGUA

I-            Na prehistoria están as raíces da nosa identidade: Os primeiros habitantes de Galicia, a civilización dos castros falaron diversas linguas eran de orixe pre-indoeuropea e logo cara o século VI antes de Cristo chegarían aquí tribos de celtas, unha das grandes familias indoeuropeas. Ambos deixaron a súa pegada no galego, son o substrato da nosa lingua.  

II-          Antes do galego, GALLAECIA: Os romanos chegan ao noso territorio  cara o 131 a.C.. Esta terra tiña unha cultura prerromana que chamamos castrexa. Os romanos establecen unha división provincial na península dándolle o nome de Gallaecia a un territorio maior da actual Galicia,  que chega polo sur ata o río Douro e polo leste ata Cantabria. O latín substituíu as linguas dos anteriores poboadores e será a base sobre a que nacerá o galego.

III-       GALICIA, o 1º reino medieval de Europa: Coa chegada dos Suevos, un pobo xermánico, baixo o seu dominio consolídase un reino independente que levará o mesmo nome dado antes polos romanos e seguirá falando latín con certas aportacións denominadas de superestrato de orixe xermánica.



O NACEMENTO, ESPLENDOR E DECADENCIA MEDIEVAL DA  NOSA LINGUA

IV-            Nace o galego e as peregrinacións a Compostela: Entre o VIII e o IX o idioma que fala este reino de Gallaecia diferénciase claramente do que se fala noutros puntos da península, xa non é latín. Polo sur da península os musulmáns fanse fortes, pero van ter escasa presencia no norte. Descóbrese o sepulcro de Santiago en Compostela. Aínda que se fala o galego o primeiro documento escrito non aparece ata moito máis tarde, o ano 1228.

V-          O esplendor medieval da nosa literatura: Nos séculos XII-XIII o uso do galego xeneralízase mesmo na escrita e será entón cando aparecen as primeiras expresións literarias en forma de cantigas. O desenvolvemento da arte románica tamén será, en certa medida, unha consecuencia dos intercambios culturais do Camiño de Santiago. A lírica galaico-portuguesa será o referente literario de poetas de toda a península e unha das máis importantes de Europa. Ao longo destes séculos, a pesares da independencia de Portugal no 1128, existía unha mesma lingua ao norte e ao sur do Miño.

VI-       Decadencia do XIV-XV: A desaparición dunha nobreza galega que promocione a literatura en galego, ao ser substituída por outra de orixe castelá, provocou un proceso de decadencia que non só fai desaparecer o reino de Galicia, senón tamén a súa literatura culta. 


DOS SÉCULOS ESCUROS AO REXURDIMENTO

VI(bis)- Os Séculos Escuros XVI-XVIIINos Séculos Escuros a lingua            galega tras da caída da nobreza da nosa terra perde todo cultivo escrito, pero permanecerá viva entre as xentes humildes, unha poboación iletrada que manterá a fala e unha rica literatura de tradición oral, verdadeira sustentadora da nosa cultura ata ben entrado o século XIX.

VII-            Os ilustrados e precursores dunha nova etapa: Á luz dos ilustrados comezarán a disiparse as mestas néboas destes séculos sobre o noso feito cultural.    Martín Sarmiento, foi dos primeiros en preocuparse pola situación do noso idioma e propoñer camiños de normalización cultural como a introdución do galego no ensino, na administración da xustiza ou na igrexa.Escribe unha  obra en galego modelo para que xa no século XIX aparezan máis obras na nosa lingua, as dos chamados precursores, que prepararán o camiño para as grandes figuras que virán axiña.

VIII-          O primeiro galeguismo e o Rexurdimento literario: A mediados do XIX en 1846 nace un movemento de reivindicación política, o Provincialismo, que ao ser reprimido pola forza, fixo refuxiarse nun movemento cultural a toda reclamación de dereitos para Galicia. Coa publicación das obras de Rosalía de Castro, Eduardo Pondal e Curros Enríquez comeza o Rexurdimento da nosa literatura culta. Tamén a finais do século dará comezo a andaina dos movementos galeguistas.  


DO SÉCULO XX Á ACTUALIDADE

IX-            Unha nova idea de Galicia: Do Galeguismo ao Nacionalismo: Afondando na identidade de Galicia e nas súas necesidades vaise dar paso á constitución do Partido Galeguista, xorde o movemento nacionalista da man das Irmandades da Fala que se preocupan por recuperar e modernizar a tradición cultural galega e superar o complexo de inferioridade dos galegofalantes. A xeración Nós e Castelao son ademais de destacados puntais da nosa literatura, os ideólogos que elaboraran o primeiro Estatuto de Autonomía para Galicia no ano 1936 que sería aprobado en referendum polo pobo galego e que recoñecía o galego como lingua cooficial e  lingua obrigada no ensino e a administración.

X-          O Franquismo e a instalación do bilingüísmo: Co inicio da Guerra do 1936 o proceso galeguizador paralízase ao resultar vencedor o ditador Franco. A represión xeneralizada tivo unha especial incidencia sobre a nosa lingua. O galego convértese en lingua clandestina ou de uso familiar e coloquial, o seu cultivo literario desprázase fóra de Galicia ao exilio americano. Nun momento de declive do mundo rural, a presión na escola e a proliferación dos medios de comunicación de masas (radio,TV) aséntase o castelán como idioma oficial do réxime e vaise impoñendo o uso docast elán ás xeracións máis novas.

XI-       Un difícil proceso de recuperación da identidade:   Arredor do 1950 en condicións moi desfavorables comeza un lento e tímido movemento de recuperación editorial ao que se suman iniciativas puntuais como a institucionalización do Día das Letras Galegas a partir do ano 1963.  Pequenos pasos que son acompañados da vertebración na ilegalidade dos partidos políticos que van preparando o camiño de volta da democracia e con ela dos dereitos históricos das distintas identidades nacionais do Estado Español tras corenta anos de ditadura.

XII-         A Galicia da Normalización: A partir dos anos 80 coa implantación da democracia, da Autonomía e da Xunta de Galicia comeza un proceso de dignificación do uso da lingua galega en todos os ámbitos da sociedade coa aprobación en 1983 da primeira Lei de Normalización Lingüística, e un novo camiño de promoción coa aparición da RTVG, coa introducción por vez primeira do galego no mundo de ensino e da administración, e a aparición de numerosas editoriais galegas. Un proceso que coa incorporación das novas xeracións medrará, asentará a nosa cultura e contribuirá a enriquecer coa nosa aportación o patrimonio universal da Humanidade ao longo do século XXI. 

Se queres consultar o Romance da lingua:

1 -As raíces da nosa lingua.

2- Nacemento, esplendor e decadencia medieval.

3- Dos Séculos Escuros ao Rexurdimento.

4- Do século XX á actualidade.



Ningún comentario:

Publicar un comentario

Proba: En galego, por que non?

 En galego por que non? de Manuel  Núñez Singala Capítulo 0 Capiítulo 1 Capítulo  2 Capítulo 3 Capítulo 4 Capítulo 5 Capítulo 6 Capítulo 7, ...