martes, 17 de setembro de 2024

UNIDADE 0/ O NACEMENTO DO GALEGO E O ESPLENDOR MEDIEVAL (2)

 

Reino Suevo de Gallaecia século VI


O NACEMENTO, ESPLENDOR E DECADENCIA MEDIEVAL DO GALEGO

IV

Neste extremo de occidente
xa o falar se diferencia
do que falan en Italia
en Romenia e en Provenza.
Xa non podemos chamarlle
lingua latina a esta fala,
e chamámoslle galego
pra poder diferenciala.
Toda a xente desta terra
sen ningunha distinción
fala nesta nova lingua
que é o idioma da nación.
Os clérigos inda escriben
na antiga lingua romana,
pero o pobo non a entende,
pois xa queda ben lonxana.

Cuestións:
Cal era a situación lingüística de Galicia na época medieval? Realiza unha breve redacción.

V

Alá polo mil douscentos
a lingua que hoxe falamos
escomenza a ser escrita
por poetas e notarios.
Falan en lingua galega
reis,labregos e señores,
e os abades dos mosteiros
e os soldados e os doutores.
Unha grande poesía
cántase ó son das violas
polas prazas de Santiago,
por Toledo e por Lisboa.
Agres cántigas de escarño,
doces cántigas de amores
resplendían coma xemas
no cantar dos trobadores.

Cuestións:
Unha lingua antes de escribirse, primeiro só se fala. De cando datan os primeiros documentos escritos en galego?

Cando se considera normalizada unha lingua? Estábao o galego na Idade Media?
Que tipo de composicións literarias había daquela? Só se facían en galego en Galicia?

VI

Rei Afonso de Castela
cantaba a Santa María
coas palabras máis fermosas
que na nosa terra había.
Rei Denís de Portugal,
o amigo da agricultura,
na nosa língua cantaba
con extremos de dozura.
Martín Codax o de Vigo,
Airas Nunes e Mendiño,
dicían os seus cantares
nas terras que baña o Miño.
Pero Meogo trobaba
do cervo que a auga volvía
con tan belidos dicires
que os sentidos suspendía.


Cuestións:
Cal é a temática das cantigas feitas polo rei Afonso e polo rei Denís?
Quen son Martín Códax, Airas Nuñez, Mendiño e Pero Meogo?

VII

A luz máis bela de Europa
resplendía en Compostela
como en terras de Occitania
de onde viña tanta estrela.
Historias de cabaleiros
e miragres de Santiago
en galego se contaban,
e as fazañas dos troianos.
E ordenanzas se escribían
e crónicas e tratados
e os acordos dos concellos
en galego eran labrados.
Mais despois tempos viñeron
que Galicia esmorecía,
porque nobres e señores
cometeron felonía.



Cuestións:
Cales son os temas que narraba a prosa medieval en galego?
Que significa a palabra felonía?


QUE DEBEMOS SABER SOBRE ESTA ETAPA?

NACEMENTO, ESPLENDOR E DECADENCIA MEDIEVAL

IV-            Nace o galego e as peregrinacións a Compostela: Entre o VIII e o IX o idioma que fala este reino de Gallaecia diferénciase claramente do que se fala noutros puntos da península, xa non é latín. Polo sur da península os musulmáns fanse fortes, pero van ter escasa presencia no norte. Descóbrese o sepulcro de Santiago en Compostela. Aínda que se fala o galego o primeiro documento escrito non aparece ata moito máis tarde, o ano 1228.

V-          O esplendor medieval da nosa literatura: Nos séculos XII-XIII o uso do galego xeneralízase mesmo na escrita e será entón cando aparecen as primeiras expresións literarias en forma de cantigas. O desenvolvemento da arte románica tamén será, en certa medida, unha consecuencia dos intercambios culturais do Camiño de Santiago. A lírica galaico-portuguesa será o referente literario de poetas de toda a península e unha das máis importantes de Europa. Ao longo destes séculos, a pesares da independencia de Portugal no 1128, existía unha mesma lingua ao norte e ao sur do Miño.

VI-       Decadencia do XIV-XV e os Séculos Escuros XVI-XVIII : A desaparición dunha nobreza galega que promocione a literatura en galego, ao ser substituída por outra de orixe castelá, provocou un proceso de decadencia que non só fai desaparecer o reino de Galicia, senón tamén a súa literatura culta. Son os séculos nos que a lingua galega tras da caída da nobreza perde todo cultivo escrito, pero permanecerá viva entre as xentes humildes, unha poboación iletrada que manterá a fala e unha rica literatura de tradición oral, verdadeira sustentadora da nosa cultura ata ben entrado o século XIX.


 Apuntamento complementario

 Martín Códax e as súas cantigas 



Ningún comentario:

Publicar un comentario

Proba: En galego, por que non?

 En galego por que non? de Manuel  Núñez Singala Capítulo 0 Capiítulo 1 Capítulo  2 Capítulo 3 Capítulo 4 Capítulo 5 Capítulo 6 Capítulo 7, ...