O SÉCULO XX
XII
Língua de ouro nos facía
Pondal o bardo do pobo
cantando os fastos antigos
e un futuro libre e novo.
E entre tódolos poetas
a historia nos descubría
e fundaba o noso orgullo
aquel bo Manuel Murguía.
Entusiastas estudiosos
a gramática estudiaban,
recollían as palabras
e pulían e ordenaban.
Fundaron unha Academia
e as Irmandades da Fala,
que naceron na Coruña
para honrala e enxalzala.
Cuestións:
Era Murguía un poeta? Que escribía?
Cal era o obxectivo das Irmandades da Fala?
En que momento nace este movemento e a Academia?
XIII
E tantas altas empresas
e tantos feitos honrosos
que en Galicia procuraban
un abrente esplendoroso.
Castelao e Vilar Ponte
Bóveda, Otero Pedrayo,
¡Que gran xente aquela xente,
que esplendor extraordinario!
No trinteseis o Estatuto
fixo un pouco de xusticia
recoñecendo o galego
como lingua de Galicia.
Pero a guerra fratricida
desfixo toda esperanza
e a vida de moita xente
de imborrable relembranza.
Cuestións:
Ademais de escritores como Castelao, Vilar Ponte... estes autores fundaron un partido, como se chamaba?
Quen impulsou o primeiro Estatuto de autonomía para Galicia?
Cales eran os principais logros deste Estatuto?
Que impediu a posta en marcha do Estatuto? Quen provocou esta situación?
XIV
Foron anos de silencio,
de persecución e pranto:
"A longa noite de pedra"
enchía os peitos de espanto.
Por fin foron renacendo
novas luces pequeniñas
e Galicia agurgullaba
nas xuntanzas clandestinas.
Novos poetas cantaron,
contaron os narradores,
e "a longa noite de pedra"
clarexaba cos fulgores.
Galaxia, O Castro, Castrelos
editaban en galego
e a patria nosa xurdía
e empezaba a ve-lo ceo.
Cuestións:
Como se pode chamar doutro xeito a esta ?longa noite de pedra??
Estaban permitidos daquela os partidos políticos? Como realizaban a súa función?
Estaban permitidos daquela os partidos políticos?
Como realizaban a súa función?
XV
En Santiago canta o Galo,
loce o Facho na Coruña
e en Ourense, Vigo e Lugo
dase nova testemuña.
A enseña da democracia
ten o brasón en galego
e na fábrica e nas aulas
soa a língua dos antergos.
Mozos sabios e patriotas
ordenan a lingua nosa;
fana culta e ordenada,
fana lóxica e fermosa.
Entra a lingua nas escolas
e se inda non é señora
ten dereitos proclamados,
anque ten máis a de fóra.
Cuestións:
Que son ? o galo? e ? O facho??
Que trouxo consigo a recuperación da democracia?
Como podes interpretar estes dous versos?
ten dereitos proclamados,
anque ten máis a de fóra.
XVI
Xa se fala nos lugares
onde lle era antes vedado,
inda que hai quen a discute
porque hai moito desleigado.
Inda hai pais que son contrarios
a que a aprendan os seus fillos
sexa porque non o pensan
ou que os movan catro pillos.
Este noso antigo idioma
é unha lingua de cultura
e é vergoña pra un galego
non falala con soltura.
"O galego que non fala
na lingua da súa terra,
nin sabe o que ten de seu,
nin é merecente dela".
Cuestións:
Que problemas ten a lingua nesta etapa na que vivimos?
Que cres que diferenza a un galego habitante dun galego falante?
XVII
Así falaba un poeta
noutro tempo deste asunto,
e agora vai sendo hora
de poñerlle á historia punto.
Esta historia é diferente
doutros romances de cegos;
non se sabe inda o remate,
pois depende dos galegos.
Nenos, homes e mulleres
desta terra adormentada,
rematouse xa o romance,
e escomenza a pandeirada:
¡ARRIBA POBO GALEGO,
ARRIBA LINGUA GALEGA,
QUE SE MORRE A NOSA FALA
NON HAI POBO NIN HAI TERRA!
Cuestións:
O final do romance está escrito?. Quen vai escribir o final desta historia?
Cal é a advertencia final deste romance?
QUE TEÑO QUE SABER SOBRE ESTA ETAPA:
O GALEGO NO SÉCULO XX
IX- Unha nova idea de Galicia: Do Galeguismo ao Nacionalismo: Afondando na identidade de Galicia e nas súas necesidades vaise dar paso á constitución do Partido Galeguista, xorde o movemento nacionalista da man das Irmandades da Fala que se preocupan por recuperar e modernizar a tradición cultural galega e superar o complexo de inferioridade dos galegofalantes. A xeración Nós e Castelao son ademais de destacados puntais da nosa literatura, os ideólogos que elaboraran o primeiro Estatuto de Autonomía para Galicia no ano 1936 que sería aprobado en referendum polo pobo galego e que recoñecía o galego como lingua cooficial e lingua obrigada no ensino e a administración.
X- O Franquismo e a instalación do bilingüísmo: Co inicio da Guerra do 1936 o proceso galeguizador paralízase ao resultar vencedor o ditador Franco. A represión xeneralizada tivo unha especial incidencia sobre a nosa lingua. O galego convértese en lingua clandestina ou de uso familiar e coloquial, o seu cultivo literario desprázase fóra de Galicia ao exilio americano. Nun momento de declive do mundo rural, a presión na escola e a proliferación dos medios de comunicación de masas (radio,TV) aséntase o castelán como idioma oficial do réxime e vaise impoñendo o uso do castelán ás xeracións máis novas.
XI- Un difícil proceso de recuperación da identidade: Arredor do 1950 en condicións moi desfavorables comeza un lento e tímido movemento de recuperación editorial ao que se suman iniciativas puntuais como a institucionalización do Día das Letras Galegas a partir do ano 1963. Pequenos pasos que son acompañados da vertebración na ilegalidade dos partidos políticos que van preparando o camiño de volta da democracia e con ela dos dereitos históricos das distintas identidades nacionais do Estado Español tras corenta anos de ditadura.
XII- A Galicia da Normalización: A partir dos anos 80 coa
implantación da democracia, da Autonomía e da Xunta de Galicia comeza un
proceso de dignificación do uso da lingua galega en todos os ámbitos da
sociedade coa aprobación en 1983 da primeira Lei de Normalización Lingüística,
e un novo camiño de promoción coa aparición da RTVG, coa introducción por vez
primeira do galego no mundo de ensino e da administración, e a aparición de
numerosas editoriais galegas. Un proceso que coa incorporación das novas
xeracións medrará, asentará a nosa cultura e contribuirá a enriquecer coa nosa
aportación o patrimonio universal da Humanidade ao longo do século XXI.
APUNTAMENTO COMPLEMENTARIO NO DÍA EUROPEA DAS LINGUAS 2024
Un froito do proceso da normalización: TANXUGUEIRAS






