domingo, 5 de maio de 2024

Os subxéneros teatrais


TRAXEDIA:

 Actualmente a palabra traxedia fai que pensemos en sucesos desafortunados que pasan no mundo, como un accidente aéreo, un ataque terrorista ou un tsunami. Esta consideración que temos cando dicimos que algo é unha traxedia ten que ver coa temática que se desenvolve no subxénero teatral: en ambos hai un feito grave e doloroso relacionado cunha desgraza que moitas veces implica a morte dalguén.

De forma moi distinta, tamén se utiliza a expresión facer unha traxedia para sinalar que alguén lle está poñendo moito dramatismo a algo que non o ten. Por exemplo, se alguén di: "con tantos exames eu morro", está facendo unha traxedia (Spoiler: todos sobrevivimos aos exámes).

A traxedia é o xénero tradicional do teatro dende a Antiga Grecia. Oponse á comedia porque ten final tráxico no que todo acaba mal. De feito, dise que nas traxedias hai un acontecemento que provoca a desorde e desencadea unha serie de sucesos cara o destino fatal. O obxectivo era conmover ao espectador, inquietalo e provocarlle compaixón cara o que lle estaba pasando ao/á protagonista. O simple feito de contemplar estas peripecias dolorosas exercía unha catarse no espectador, é dicir, as emocións que suscita a traxedia fan que o público empatice co personaxe e o seu sufrimento de tal forma que lle provoca unha liberación ou transformación interior. É doado de entender: pasa o mesmo cando aos nosos mellores amigos ou amigas, familiares lles sucede algo desgrazado: non só sentimos a súa dor como algo propio senón que tamén somos capaces de aprender desa dor. Para conseguir o obxectivo de conmover ao público, usábase unha linguaxe culta e un ton serio e poético con tal de resaltar o sufrimento.  

Na Antiga Grecia, as obras de Sófocles, Esquilo ou Eurípides se representábanse nos teatros en espazos circulares ao aire libre. Nestas obras, os/as personaxes, acompañados polo coro que anticipa o que vai pasar, comenta o que está pasando ou dialoga co/coa protagonista, eran personaxes distinguidos como deuses, reis ou nobres. Co paso do tempo, serán personaxes que representan persoas nobres de espírito: personaxes que son capaces de sacrificarse por aquilo no que cren. O héroe ou heroina da traxedia teñen un conflicto grave e móvense por unha paixón que, unida a un destino inevitable, fai que se dirixan a un final funesto no que perden todo o que tiñan. É o que sucede en obras como Edipo rei, de Sófocles, As troianas de Eurípides, ou Macbeth ou Hamlet, de Shakespeare.  

Os temas tratados na traxedia tamén varían co tempo. Nun primeiro momento, tratan temas históricos ou mitolóxicos pero, despois, parten da psicoloxía dos personaxes e afonda na paixón que remata destruíndoos. A traxedia invita a reflexionar sobre temas universais como a liberdade, a xustiza, a propia identidade, o amor imposible, a traición, a culpa ou a morte. 

Un dos autores españois que máis destaca en século XX é Federico García Lorca que recupera o ton poético das traxedias clásicas así como a paixón arrebatadora dos/das protagonistas. Tamén recupera a figura do coro con personaxes grupais como os leñadores de Bodas de sangre ou as veciñas de Yerma. La casa de Bernarda Alba, pola contra, a personaxe que anticipa a traxedia é a M.ª Josefa, a nai de Bernarda. 



COMEDIA:

A comedia é o subxénero teatral do humor. É unha maneira de representar os conflitos sinxelos e cotiáns subliñando o lado divertido ou ridículo da vida. Oponse á  traxedia tanto na súa finalidade como nos personaxes e os temas que trata. O obxectivo é entreter ao público; por iso é normal que as comedias xeralmente rematen cun final feliz.

Os/as personaxes da comedia representan persoas normais de calquera clase social. Mostran o seu lado máis humano polo que son personaxes con defectos tanto físicos como morais que se moven por grandes paixóns como o amor, o ciumes, o honor ou a reputación. O/a protagonista adoita caracterizarse polo seu sentido común aínda que ás veces consegue os seus obxectivos por casualidade e non polo seu esforzo. Por veces, os personaxes son estereotipos que saen en todas as obras de teatro: o galán, a dama, o cabaleiro, os criados... Tamén poden caracterizarse por valores morais como o gracioso/a, o mentireiro/a, o celoso, o pícaro, o namorado/a... A linguaxe que empregan os personaxes é coloquial xa que é outro mecanismo para mostrar a realidade e que o público se vexa reflectido.

vida de cote e os seus costumes son a materia temática da comedia. Moitas se basean nun enredo ou unha confusión da que o público é cómplice como, por exemplo, líos de amantes nos que o público sabe cal é o motivo polo que se xera o enredo. Na comedia vense os defectos do ser humano ou os vicios da sociedade para que o público poida evitalos e non ser como os protagonistas das historias. Da esaxeración deses costumes humanos, xorde o humorístico porque se resalta o lado cómico e absurdo das situacións e provoca a diversión do público.

O cómico, aínda que ás veces pasa de ser livián a ser satírico e crítico, pode conseguirse grazas a distintos elementos: 

  • situacións ilóxicas e grotescas que rozan o absurdo. Moitas películas cómicas presentan este tipo de enredos.
  • a caricatura dos defectos e a torpeza dos personaxes que fan irremediablemente o ridículo. Isto é o que lle pasa aos pallasos ou aos mimos: esfórzanse por facer algo ben pero fracasan no intento facendo o ridículo e provocando o riso do espectador. 
  • os xogos de palabras. En moitos dos chistes que se contan, o riso  provócase grazas a un xogo de palabras. 

DRAMA:

No teatro, como na vida, o cómico e o tráxico, isto é, as alegrías e as tristezas conviven. Por iso, o drama pode ser calquera representación que teña como obxectivo o reflexo da vida.


De feito, a palabra drama funciona como sinónimo de teatro porque coas dúas nos referimos a obras para a representación. Perante moito tiempo, a estas historias tráxicas que se alivian con elementos cómicos se lles chamó traxicomedias como, por exemplo, La Celestina, de Fernando de Rojas, que se titulaba Tragicomedia de Calisto y Melibea. 

No denominados Siglos de Oro, era o xénero que máis triunfaba con autores como Lope de Vega (Fuenteovejuna), Tirso de Molina (El burlador de Sevilla) ou Calderón de la Barca (La vida es sueño).

obxectivo do drama é que o espectador/a se sinta reflectido e, polo tanto, identificado cos personaxes que son tan parecidos a el ou a ela e reflexionen sobre as súas peripecias. Semella á traxedia porque o ton xeral é serio e o protagonista persegue un ideal. A pesar de que ás veces pode rematar coa morte do/da protagonista, o drama non alcanza a intensidade da traxedia. Pola súa parte, semella á comedia en que os personaxes poden ser de distintas clases sociais  e os temas son cotiáns se ben o conflicto do personaxe adoita ser máis serio que na comedia e represéntanse valores morais importantes. Aínda que o final pode ser feliz, trátase máis dun desenlace que implica o triunfo moral do protagonista, é decir, o/a protagonista sae transformado cos acontecementos que se representan. 



1 comentario:

Proba: En galego, por que non?

 En galego por que non? de Manuel  Núñez Singala Capítulo 0 Capiítulo 1 Capítulo  2 Capítulo 3 Capítulo 4 Capítulo 5 Capítulo 6 Capítulo 7, ...