luns, 3 de febreiro de 2025

Dous textos de Celso Emilio Ferreiro para unha xornada escolar da non violencia

 



IRMAUS 

Camiñan ao meu rente moitos homes.

Non os coñezo. Sonme estranos.

Pero ti, que te alcontras alá lonxe,

máis alá dos desertos e dos lagos,

máis alá das sabanas e das illas,

coma un irmáu che falo.

 

Si é túa a miña noite,

si choran os meus ollos o teu pranto,

si os nosos berros son igoales,

coma un irmau che falo.

Anque as nosas palabras sean distintas,

e ti negro i eu branco,

si temos semellantes as feridas,

coma un irmau che falo.

 

Por enriba de tódalas fronteiras,

por enriba de muros e valados,

si os nosos soños son igoales,

coma un irmau che falo.

 

Común temos a patria,

común a loita, ambos.

A miña mau che dou,

coma un irmau che falo.


 Celso Emilio Ferreiro (Longa noite de pedra)



       Bombardeo con napalm en Vietnam 1972

Digo bomba de fósforo.

Apenas digo nada.

 

Digo lombriga e larva

de carne podrecida.

 

Digo nenos de napalm,

terror de noite e selva,

fedor de cidade e cloaca.

 

Fame, suor, aldraxe,

pugas de aceiro, antropofaxia.

 

Digo guerra bestial,

tremor de terra, crime, lume, lava,

estoupido, verdugo

e mortandade en masa.

Digo gas abafante.

 

Apenas digo nada.

Digo yanqui invasor,

depredador de patrias.

 

Digo plutonio, pentágono,

esterco bursátil, palanca,

Presidente, gadoupa,

chuvia, amargura, baba.

 

Digo petróleo, ferro,

mineral, trampa,

lobo, caimán, polaris, cóbrega,

miseria, diplomacia.

Digo devastación que USA, usa.

 

Apenas digo nada.

Digo Viet Nam i está xa dito todo

cunha soia palabra.

 

Pra abranguer a vergonza do mundo,

digo Viet Nam e basta.

 

Celso Emilio Ferreiro en Viaxe ao país dos ananos


ACTIVIDADE: 
1- Deducir o tema central el logo localizar e comentar os tópicos e recursos literarios máis significativos destes poemas. 
2-Que é o día escolar da non violencia? Para respondr podes consultar no blog da biblioteca 

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Proba: En galego, por que non?

 En galego por que non? de Manuel  Núñez Singala Capítulo 0 Capiítulo 1 Capítulo  2 Capítulo 3 Capítulo 4 Capítulo 5 Capítulo 6 Capítulo 7, ...