mércores, 22 de xaneiro de 2025

REPASEMOS OS VERBOS: Verbos regulares (I)

 


 


Para saber máis: A teoría sobre o verbo(I) e verbo (II)

No libro de texto  nas páxinas 263-264-265 podes consultar a conxugación dos verbos regulares: ANDAR, VARRER, PARTIR, ademais dos acabados en -aer,- oer e os de alternancia na vogal temática: servir e subir. 

domingo, 12 de xaneiro de 2025

EN GALEGO, POR QUE NON ? Rematamos a lectura capítulos 7, 8 e 9

 

Na lectura dos últimos capítulos poderás atopar respostas para combater varios destes prexuízos. 

CAPÍTULO 7: Porque é unha lingua minoritaria.


1- En que lugar da estrada das linguas colocarías ao galego? 

2- O coñecemento doutras linguas debe levarnos a abandonar a nosa lingua? Por que? Argumenta ben a resposta. 

3- Falar español e chinés permitiríanos falar con cincocentos millóns de persoas, por que esta posibilidade é realmente imposible? Por que ten tan pouco valor a cantidade á hora de falar dunha lingua?

4- Lembrándonos do concepto de diglosia, que é unha lingua minorizada?


CAPÍTULO 8: Porque non o fala ninguén.

 5-O xogo dos cen falantes. En que consiste este xogo? Atreveríaste a comezar a xogalo? Que cres que pasaría ao facer uso deste xogo?

 

CAPÍTULO 9:  Porque non.

Tras a lectura da sorprendente historia que se nos relata no capítulo, na que debemos derrubar todo un muro de discriminación,  responde:

6- Unha tremenda historia por resolver... sabemos por que e como temos que defender a nosa lingua de centos de anos de discriminación e prexuízos? Razoa a resposta a modo de conclusión tras da lectura.




mércores, 8 de xaneiro de 2025

EN GALEGO, POR QUE NON? : Capítulo 6: Porque o galego é unha lingua imposta

  REPARA NOS PROBLEMAS DE PERSPECTIVA: 


 

Seguro que cando se reclama que as Matemáticas se estuden en galego, hai alguén que pensa que iso é "unha imposición". Pero esas persoas, como a maioría, non repara que o mundo está cheo de imposicións. Por exemplo, se imos ao cine temos que pagar unha entrada, iso é unha imposición. Tamén é unha imposición que teñamos que ver películas no cine exclusivamente dobradas ao castelán e non ao galego (aínda que case ninguén se percata de que igualmente é outra imposición).

Cando se nos di que o galego é unha lingua imposta sempre debemos lembrar os problemas de perspectiva que unha sociedade pode sufrir.

Suxerimos entón a lectura do capítulo 6 do libro EN GALEGO, por que non? de Manuel Núñez Singala. Podemos atopar algo como isto:

Imaxina esta escena: 

Un neno está nun cuarto, en pixama e zapatillas, xogando a un videoxogo. De súpeto ábrese a porta e outro neno achégase a el, e arrebátalle os mandos do videoxogo, e non só iso, senón que lle esixe tamén que lle dea o pixama e as zapatillas.

Que pensas desta situación? Como a catalogarías?

Semella ser un neno que trata de impoñer a súa autoridade sobre outro, un neno un tanto abusón ou autoritario. Pero o autor, a continuación, dinos que esta escena era só a escena final dunha historia máis complexa que comezou moito antes.


" Un neno volve á súa casa despois de saír do colexio, e vai correndo ao seu cuarto porque lle apetece xogar a un videoxogo. Cando chega alí a súa sorpresa é enorme, outro neno está xogando co seu equipo, vestido co seu pixama e calzado coas súas zapatillas. A súa primeira reacción é de estupor, non o pode crer. Daquela baixa a falar cos seus pais. Eles dinlle que tampouco o entenden, que o neno chegou e instalouse, sen dar máis razóns. O neno sobe de novo ao seu cuarto e arrebátalle os mandos do videoxogo...

O feito de ampliar a información serviu para darlle un xiro ben distinto á situación.

Como dixo A. Einstein ? Ti non podes resolver un problema coa mesma mente que se creou.

Fíxate agora na imaxe adxunta a esta entrada, se vemos a primeira teremos unha visión parcial e ben distinta que se observamos logo a segunda obtendo unha maior perspectiva, dándolle un xiro á situación imaxinada no momento que cambiamos de óptica.

Co galego pasou algo semellante ao da escena do neno. Seguimos coas palabras de Núñez Singala:

"Con frecuencia só somos conscientes da escena final, e esquecemos -ou ocúltannos- a historia completa. O galego orixinouse en Galicia, e foi a lingua da totalidade da poboación na Idade Media durante varios centos de anos. Despois, por cuestións que son ben coñecidas, veu instalarse o español ao noso territorio, e moitas veces pola forza. O galego non se pode impoñer, do mesmo xeito que o neno que sobe ao seu cuarto non aceptaría que a devolución das súas cousas fose considerada unha imposición ao intruso que se instalou na súa casa.

En ambos casos, o do neno e o do galego, trátase máis ben dunha recuperación, non dunha imposición.

Agora hai que preguntarse: Por que prospera nalgúns a idea de que o galego é unha lingua que se está impoñendo?

Simplemente porque para que o galego recupere usos, o español ten que perdelos. Isto é así e non pode ser doutro xeito. O terreo que un gaña teno que ceder o outro. Pero de aí a dicir que se trata dunha "imposición" hai unha gran distancia. As sociedades democráticas réxense por leis que elaboran os representantes elixidos polo pobo para iso. A recuperación do galego ten uns importantes fitos oficiais na aprobación da Constitución española, no ano 1978, e no Estatuto de Autonomía, en 1981, na lLei de Normalización Lingüística, no ano 1985, e na aprobación, no ano 2004, do Plan Xeral de Normalización Lingüística. Sobre as primeiras leis fundamentais houbo referendos, ou sexa, que as votaron directamente todos os e as galegas que quixeron. E as dúas normas segundas foron aprobadas no Parlamento de Galicia, as dúas por unanimidade de todos os deputadas/os pertencentes ás distintas forzas con representación parlamentaria. É iso unha imposición?

Se opinas que si deberías admitir que todas as outras leis, desde o código civil ata o de circulación, son imposicións. E o mesmo ocorre coa "imposición" de estudar galego. Todas as materias do currículo son impostas, dende a física ata as matemáticas, impostas polas autoridades educativas do goberno democraticamente electo. En realidade, desde ese punto de vista, o mundo está cheo de imposicións, xa que eu non teño a liberdade para coller o coche do meu veciño nin para entrar no cine sen pagar, nin para edificar a miña casa na propiedade que me dea a gana. As leis, as normas en xeral, impoñen unha orde que se considera adecuada para a convivencia, por fortuna existen esas imposicións que nos fan a vida soportable.

Resulta desenmascarador que aqueles que claman contra a imposición e enchen o peito con palabras como liberdade, bilingüismo e harmonía só se deixen oír nos casos en que o galego comeza a asomarse á igualdade co español. Nada din das moitas outras situacións nas que o galego simplemente non ten presenza ningunha. Cando un galegofalante poderá ler as instrucións dos electrodomésticos no seu propio idioma ou os prospectos dos medicamentos ou as ofertas do supermercado ou os folletos das axencias de viaxes ou as cartas nos restaurantes...? Son dereitos que os que falan español xa teñen. Cando un galegofalante poderá ser a oferta de libros, revistas, xornais, películas no cinema ou canles de televisión que teñen os que falan español? É inútil seguir, pois todos sabemos que a lista sería moi longa. Dicir que a lingua que está en clarísima desvantaxe está sendo imposta é tanto como afirmar que os paxaros se tiran ás escopetas.


E non esquezamos que o galego non ´so é a lingua propia de Galicia, senón que sempre o foi, e segue a ser, o idioma maioritario deste país ata esta ano pasado. Tamén é oficial o español, e cómpre respectar os dereitos dos que optan por vivir en Galicia nesa lingua. Pero se non queremos crear unha Galicia con dúas comunidades que vivan de costas unha á outra, e enfrontadas pola cuestión da lingua, é imprescindible que todas as persoas que vivimos en Galicia coñezamos e teñamos competencia en ambas as dúas linguas.
E para iso un sistema educativo que asegure a competencia nas dúas linguas oficiais é imprescindible. Por outra banda, asegura o autor, non creo que haxa ningún galegofalante que non saiba falar español, e si hai unha certa cantidade de falantes de español incapaces de expresarse en galego. Esta é a desigualdade que cómpre corrixir."


CUESTIÓNS DO CAPÍTULO 6

1-Explica coas túas palabras (nun texto 15 ou 20 liñas) por que o Proceso de Normalización lingüística que vivimos en Galicia non é un proceso de imposición.

2- Cres que este Proceso de Normalización está rematado? Razoa e argumenta debidamente a resposta.

3- Sabías que na actualidade aprender o español na escola é un dereito e un deber, pero aprender galego só é un dereito, non temos o deber de aprendelo? Cres que esta diferenza é axeitada tendo en conta o último parágrafo do capítulo 6 que acabamos de ler? Razoa a resposta.


Proba: En galego, por que non?

 En galego por que non? de Manuel  Núñez Singala Capítulo 0 Capiítulo 1 Capítulo  2 Capítulo 3 Capítulo 4 Capítulo 5 Capítulo 6 Capítulo 7, ...